O pasado 7 de xuño celebramos a I Feira Veciñal Sabugueira Saudable na Alameda da Lavacolla. Una xornada chea de colaboración, entusiasmo e determinación, na que se presentaron froitos do proceso comunitario desenvolvido nesta área rural, tales coma a exposición do “Plan AS MARIAS”, o mapa colaborativo “Raíces de Sabugueira” ou o xogo de “plantas autóctonas e usos tradicionais”, son exemplos deses produtos.
Todas as persoas e familias asistentes foron convidadas a participar na “Busca dos ODS”. Un xogo de xogos, no que exploramos e celebramos riquezas locais, “activos en saúde” que están a contribuír ao benestar comunitario e global.

Nesta busca atopábanse tesouros do patrimonio cultural e natural (11), dos hábitos saudables (3), das aprendizaxes interxeracionais (4), dos coidados comunitarios (5), das historias compartidas (10), dos produtos caseiros e locais (12), da flora autóctona (15), da participación cidadá (16) e das alianzas para actuar (17).
Todo o que alí se podía descubrir era resultado da colaboración veciñal e a acción colectiva polos coidados das persoas e da contorna rural. Ademais dos xogos, exposicións e petiscos para diversos gustos, desde o propio letreiro da feira ao buzón final de suxestións, ata o equipo técnico e mesmo a lista de reprodución, reunían achegas de e para todos os públicos.

Pandeireteiras, gaita e percusión, amenizaron a celebración con folclore popular, pechando cunha cantiga adicada ás veciñanza “Hoxe aquí todas son miñas, para cantar e bailar vivan as miñas veciñas”. E, tras os agradecementos, maiores, mocidade e crianzas deron paso a entrega de manualidades, plantas e bonecos de lá coidadosamente preparados para a ocasión, entre outros agasallos por participar.
Unha xornada que enorgulleceu ao rico e numeroso grupo organizador e que non pasou inadvertida ás cerca de 200 persoas da veciñanza, entidades amigas e camiñantes que nela participaron.
Máximo recoñecemento a todas e cada unha das persoas e colectivos que fixeron posible esta experiencia comunitaria. E parabéns compartidos polo camiño percorrido!
Agradecementos pola participación e colaboración: ao alumnado e profesorado do CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei e á Asociación de Familias do Alumnado As Landras; á Asociación de Mulleres Rurais de Sabugueira; á Asociación Lavacolla Activa; á Asociación Ruta Jacobea; ás Avoas de Lavacolla e aos negocios locais coma Agro A Nosa Terra, A Tenda de Espe, Bar A Concha, Casal Cotón, Froitería Luz, IMAXSON, Pastas Raque, Panadería Lavacolla, Pensión Dorotea…; aos Centros de Saúde Concepción Arenal e Fontiñas; ao Cole de Iciar; á Comisión de Festas de Lavacolla; ao Concello de Santiago de Compostela; á Coordinadora dos Centros Socioculturais Zona Rural de Santiago de Compostela; ás entidades amigas como AGADEA, Agrupación Cultural O Galo, Colectivo de Mulleres de Matagalpa, Feitoría Verde S. Coop. Galega e LABEQSA; ao Monitor do Centro Sociocultural de Lavacolla; á mocidade do IES do Sar; ás pandeireteiras e músicos (gaita, tamborín e bombo); ás profesionais e residentes de Enfermería Familiar e Comunitaria; á REGAPS-Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia; á Universidade de Santiago de Compostela; ao voluntariado de Farmamundi; e a toda a veciñanza de Sabugueira!