O alumnado do CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei, dentro do proxecto “Somos Sabugueira”, impulsou un programa de radio coa participación activa da comunidade. A través de entrevistas e encontros con persoas e entidades da contorna, desenvolveu habilidades de investigación e comunicación, ao tempo que reflexionou sobre temas como a memoria colectiva, os coidados, as migracións, a participación social e a sustentabilidade.
PROGRAMA 1: AS VOCES DA MEMORIA
No primeiro episodio, o alumnado entrevistou a integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Sabugueira para coñecer como era a vida na parroquia e como cambiou co paso do tempo. As mulleres compartiron lembranzas sobre a escola, os xogos, os traballos tradicionais, os coidados, a alimentación, as festas e as formas de vida vinculadas ao rural galego.

PROGRAMA 2: MEMORIA, CULTURA E IGUALDADE
No segundo episodio, entrevistouse á Asociación de Mulleres de Galdakao que traballa arredor da memoria desde un enfoque de xénero, a saúde comunitaria, a igualdade e a transformación social. A través desta conversa, coñecemos como as comunidades poden organizarse para afrontar problemas colectivos e construír espazos máis xustos e inclusivos.

PROGRAMA 3: HISTORIAS DE VIDA E MIGRACIÓNS
Este episodio centrouse nas migracións e nas historias de vida de persoas da nosa comunidade que tiveron que deixar o seu lugar de orixe por diferentes motivos. A partir de relatos persoais e investigacións na aula, o alumnado coñeceu as distintas causas que levan ás persoas a migrar e as dificultades e oportunidades de comezar unha nova vida noutro lugar. A experiencia promoveu a empatía, o respecto e a interculturalidade.

PROGRAMA 4: INSTITUCIÓNS LOCAIS E VIDA COMUNITARIA
Neste episodio, o alumnado entrevistou a María Pose, técnica municipal responsable dos centros socioculturais do concello, para coñecer como funcionan os servizos públicos e que papel teñen na vida da comunidade. A conversa permitiu descubrir como se organizan as actividades e espazos veciñais e a importancia da participación cidadá na mellora da vida colectiva. O alumnado comprendeu que o concello é unha institución próxima que forma parte do día a día da veciñanza e que a participación das persoas é esencial para construír comunidades máis activas e cohesionadas.

PROGRAMA 5: O PLAN COMUNITARIO DE SABUGUEIRA
No último episodio, entrevistamos a Noa da ONGD Farmamundi para coñecer o Plan AS MARIAS e as accións que se desenvolven para promover a saúde integral e o benestar da comunidade. O alumnado descubriu como diferentes entidades, asociacións, veciñanza e institucións colaboran para impulsar a saúde, os coidados, a participación social e os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). Este podcast permitiu entender a importancia da acción colectiva e do traballo en rede para construír unha comunidade saudable, participativa e sostible.
