Noticias

Premio Educacompostela al CEIPP Xixirei con «mulleres activistas da vida cotiá»

Cancións coma Matriarcas, ao son de Guadi Galego e Margarida Mariño, acompañaron a sensibilidade deste espazo no que se recoñeceron todas as candidaturas, se expuxeron os traballos educativos premiados e se celebrou tamén o primeiro premio ao CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei, en comunidade!

O acto de entrega da XVI Edición dos Premios Educacompostela tivo lugar o pasado 24 de marzo ás 19h no Pazo de Raxoi. Estes premios, organizados pola Nova Escola Galega e o Concello de Santiago de Compostela, recoñecen a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica. E na presente edición, se ben se agradeceron todas as propostas presentadas, aquelas que obtiveron este recoñecemento foron: A viaxe, cando escapar non é un xogo, de Asemblea de Cooperación pola Paz; O voo 2316 química forense na aula, de María González Iglesias do IES Politécnico de Vigo; e O Patrimonio de Sabugueira, do CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei.

O primeiro premio foi outorgado ao CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei polo traballo de investigación sobre o patrimonio material e inmaterial de Sabugueira, desenvolvido no curso 2024-2025. Trátase dun Proxecto Documental Integrado que parte da biblioteca, involucra a todos os ciclos educativos e se enriquece coa participación da comunidade.

A propia presentación en palabras de alumnado, profesorado e a Asociación de Mulleres Rurais de Sabugueira, así como o acompañamento de familias, veciñas e colaboradoras daba conta dun proceso colaborativo e interxeneracional vivo na comunidade rural. Así mesmo, houbo palabras de agradecemento á veciñanza, aos negocios locais e aos axentes involucrados na Rede Sabugueira Saudable.

Desde os inicios desta rede de promoción da saúde, na primeira fase de Activando ODS pola Saúde Glocal, o CEIPP Mestre Rodríguez amosou unha rica traxectoria e un forte compromiso ante desafíos sociais e ambientais. Con toda a súa bagaxe, colaborou na identificación de problemáticas e propostas, así coma no desenvolvemento do Plan AS MARIAS. Aliñada con este plan colectivo, a comunidade educativa non só abriu as portas do centro, senón tamén participou en xuntanzas e accións comunitarias en prol do benestar noutros tempos e espazos da parroquia.

Deste xeito, o alumnado e o equipo docente do centro educativo situado no Lugar da Esquipa, da man de veciñas e entidades coma a Asociación de Mulleres de Sabugueira ou a AFA As Landras, protagonizaron un proceso de aprendizaxe e acción colectiva que acadou produtos coma os presentados no acto, entre outros: o mapa colaborativo “Raíces”, xogos con elementos do patrimonio histórico, cultural, social e natural, entrevistas en diferentes medios e canais ou a propia Feira veciñal Sabugueira Saudable celebrada no pasado mes de xuño e reflexo do rico traballo en rede de xente de todas as idades e de axentes de ámbitos educativo, sanitario, social, cultural e político.

Con todo isto, xunto a súa achega ao desenvolvemento educativo en Galicia posta en valor co Premio Educacompostela, pódese destacar do CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei a súa contribución en clave comunitaria e global, con esforzos conxuntos en metas tales coma as relativas á educación de calidade, a saúde e benestar, a visibilización dos coidados, o patrimonio cultural e natural, a participación cidadá ou as alianzas.

Así pois, a decisión do xurado e o galardón entregado pola alcaldía xunto ao equipo de goberno de Santiago de Compostela ao CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei supón un recoñecemento ao esforzo e compromiso do alumnado e profesorado, pero tamén un orgullo para o conxunto de colectivos involucrados nesta experiencia comunitaria.

Luces que acenden a idea da “Cidade Educadora”, subliñada neste acto tanto pola Alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, como pola Presidenta da Nova Escola Galega, María Dolores Candedo. A aposta por unha Educación para todas as persoas e durante toda a vida, orientada á construción conxunta dunha cidadanía responsable, solidaria e participativa que favoreza a convivencia democrática e a mellora da calidade de vida.

Nesta liña, desde as propias “Raíces” identitarias seguimos aprendendo a todas as idades, xuntando saberes e experiencias e participando en comunidade para coidar e coidarnos, mirando polo benestar presente e futuro. E se isto é posible, é grazas á xenerosidade do CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei, da Asociación de Mulleres Rurais de Sabugueira e demais persoas e colectivos que acompañan nesta enriquecedora acción comunitaria en Sabugueira. Cada quen aportando o seu grao e chegando a xuntar unha potente morea!

Con todo, o recoñecemento ao CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei non queda aquí… Foi un dos centros seleccionados para o intercambio de experiencias pedagóxicas con outras escolas de Europa no programa ERASMUS+. E, precisamente, ven de compartir e recoller aprendizaxes durante a semana pasada en Bologna (Italia). Ademais diso, participará no I Certame de Memoria Histórica do Barbanza que se celebrará o vindeiro sábado 29 de novembro en Rianxo. Alí as compañeiras do CEIPP recibirán o accésit por “O patrimonio de Sabugueira”, unha vez más, poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial, os valores democráticos e o traballo comunitario.