Noticias

Regueifando en Sabugueira

Ao paso con Raquel Doallo, reflexionamos sobre retos globais e comunitarios a través da improvisación oral e divertímonos compartindo, xogando e regueifando en comunidade!

Creáronse coplas dando forma a unha mostra colectiva de ideas, reflexións e propostas. Ao berro de boooomba, como en Vilariño de Conxo, cada grupo cantaba a súa copla e o resto dos grupos podían responder, retrucar ou sumar novas coplas, facendo medrar o diálogo entre todas as persoas participantes. Velaí algúns exemplos:

BENESTAR PARA TODAS AS PERSOAS

A xuntanza en Sabugueira
é importante e especial
para a veciñanza é clave
traballar saúde mental.

MELLORAR A VIDA NO RURAL

Sabugueira é moi bonita
ten espazos a destacar
zonas verdes moi bonitas
que invitan a camiñar.

UNHA ECONOMÍA QUE COIDE ÁS PERSOAS E Á NATUREZA

As veciñas acordamos
cando temos que mercar
que o mellor sitio que temos
é o comercio local.

VIDAS LIBRES E IGUAIS EN COMUNIDADE

Este é ben importante
é máis da comunidade
aquí estamos moi diversas
maiores e mocidade.

PARTICIPACIÓN E TRABALLO EN REDE

No pobo de Lavacolla
ten que haber máis xuntanzas
para así desfrutar
ao carón da veciñanza.

CONTROVERSIA

No lugar da Lavacolla
vemos moito camiñante
que ben para algúns é
que enchemos o restaurante.
Todos queren peregrinos
Non os teñen que aguantar
Se estiveran na miña casa
cambiarías de pensar.
Eu vexo no camiño
Encántame falar con eles
Alemanes, ingleses,
americanos, franceses...
Ai LA LA LALALALALALA
Ai LA LA LALALALALAAA

Esta actividade desenvolveuse en harmonía co Plan AS MARIAS, no marco do proxecto Activando ODS, financiado polo Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030 e impulsado por Farmamundi.

Grazas a todas as persoas participantes pola súa implicación, creatividade e vitalidade. Un recoñecemento especial a Raquel Doallo, por acompañarnos neste redescubrimento das regueifas como ferramenta identitaria de creación e reivindicación colectiva.

Agradecemos tamén a colaboración do Concello de Santiago de Compostela e ao conxunto da Rede Sabugueira Saudable, con quen seguimos promovendo a participación activa desde os coidados e a innovación social.