Noticias

A manta dos coidados: tecendo fíos entre xeracións

Esta manta reflicte a esencia do Plan AS MARIAS: unha expresión colectiva arredor do autocoidado, dos coidados das persoas e dos coidados da contorna natural.

Ten o seu xerme nos obradoiros creativos desenvolvidos coas compañeiras Ana, Bea e Machu do Colectivo de Mulleres de Matagalpa (Nicaragua), no CEIPP Mestre Rodríguez Xixirei e no Centro Sociocultural da Lavacolla.

A través de teas, fíos, cores e texturas, cada persoa deixou a súa pegada nunha creación colaborativa, tecendo voces, experiencias e sentires sobre os coidados ao longo da vida. Pouco a pouco, entre mans diversas, foi tomando forma esta manta que nos acubilla e fai visibles os lazos de afecto, apoio mutuo e coidado que sosteñen as nosas vidas e fortalecen a comunidade.

Cada anaco conta unha historia. En conxunto, compoñen unha obra única que celebra a interdependencia e a xenerosidade, así como a importancia de coidarnos para construír un presente e un futuro máis habitables.