Ao paso con Raquel Doallo, reflexionamos sobre retos globais e comunitarios a través da improvisación oral e divertímonos compartindo, xogando e regueifando en comunidade!
Creáronse coplas dando forma a unha mostra colectiva de ideas, reflexións e propostas. Ao berro de boooomba, como en Vilariño de Conxo, cada grupo cantaba a súa copla e o resto dos grupos podían responder, retrucar ou sumar novas coplas, facendo medrar o diálogo entre todas as persoas participantes. Velaí algúns exemplos:
BENESTAR PARA TODAS AS PERSOAS
A xuntanza en Sabugueira
é importante e especial
para a veciñanza é clave
traballar saúde mental.
MELLORAR A VIDA NO RURAL
Sabugueira é moi bonita
ten espazos a destacar
zonas verdes moi bonitas
que invitan a camiñar.
UNHA ECONOMÍA QUE COIDE ÁS PERSOAS E Á NATUREZA
As veciñas acordamos
cando temos que mercar
que o mellor sitio que temos
é o comercio local.
VIDAS LIBRES E IGUAIS EN COMUNIDADE
Este é ben importante
é máis da comunidade
aquí estamos moi diversas
maiores e mocidade.
PARTICIPACIÓN E TRABALLO EN REDE
No pobo de Lavacolla
ten que haber máis xuntanzas
para así desfrutar
ao carón da veciñanza.

CONTROVERSIA
No lugar da Lavacolla
vemos moito camiñante
que ben para algúns é
que enchemos o restaurante.
Todos queren peregrinos
Non os teñen que aguantar
Se estiveran na miña casa
cambiarías de pensar.
Eu vexo no camiño
Encántame falar con eles
Alemanes, ingleses,
americanos, franceses...
Ai LA LA LALALALALALA
Ai LA LA LALALALALAAA
Esta actividade foi promovida por AS MARÍAS, co financiamento do Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030, e co impulso de Farmamundi, entidade que acompaña e fortalece o desenvolvemento das accións.
Agradecemos tamén a colaboración de Aopaso e do Concello de Santiago de Compostela, cuxa implicación fixo posible a realización desta actividade e o fortalecemento das redes comunitarias na contorna.
AS MARÍAS, como entidade promotora, continúan impulsando iniciativas que fomentan o diálogo, a participación cidadá e a creación colectiva desde unha perspectiva de coidados e transformación social.